Friday 26 de April de 2024

Lousame celebra a undécima sesión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte a Violencia de Xénero


A concelleira de Igualdade fixo un adianto da programación para o 25 de novembro

A concelleira de Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo, presidiu esta mañá a undécmia reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame. Unha reunión na que participaron Pilar Cobas Cajuso, directora CPI Plurilingüe Cernadas de Castro; Ana María Lema Rama, do posto da Garda Civil de Noia (equipo VIOXEN); Julia Veiro Justo, psicóloga do CIM de Noia; Ángela Mª Costa Santos, enfermeira Centro de Saúde de Lousame; Natividad Hermo Santos, traballadora social de Lousame; e Mónica Castaño Ourille, técnica da Concellería de Igualdade.

Durante case dúas horas de reunión, todas as persoas integrantes da Mesa tomaron a palabra para informar e compartir experiencias sobre as distintas actuacións levadas a cabo pola súa entidade no ámbito municipal de Lousame. Así mesmo, Silvia Agrafojo aproveitou para dar conta das actuacións que está a desenvolver o Concello de Lousame en materia de igualdade así como para adiantar algunhas das actividades programadas para as vindeiras semanas co gallo da conmemoración do 25 de Novembro.

“Durante os meses de setembro e outubro realizáronse os 3 obradoiros formativos dirixidos a mulleres do programa de mellora da empregabilidade XERACIÓN 20=22, de busca de emprego, de informática e de comercio electrónico e marketing dixital, a través dos cales se formou a 11 mulleres”, apuntou Silvia Agrafojo. Un programa levado a cabo coa colaboración da FEMP, que lle concedeu ao Concello de Lousame unha das 10 axudas que convoca a nivel nacional.

25N

Así mesmo, confirmou que “un ano máis, o Concello adheriuse a campaña De Fronte, da Deputación da Coruña, participando nesta ocasión directamente tamén o CPI Cernadas de Castro en dúas actividades”. A primeira chámase “Ciberacción para público xuvenil: Afrontamento das violencias na rede”, “trátase dunha proposta para traballar sobre a violencia dixital a través dunha ciberquedada con centros de secundaria dos concellos que se levará a cabo na mañá do mércores 23 de novembro”, explicou a concelleira. A segunda actividade, “Ciberacción para público infantil: Canto sabes sobre as violencias dixitais?” consiste nun xogo interactivo cunha guía didáctica para o alumnado dos cursos de 4º, 5º e 6º de Primaria, que quedará pendurado na web como recurso pedagóxico.

Ademais, Silvia Agrafojo presentou ás integrantes da Mesa a campaña “Eu digo non á violencia de xénero”, que o Concello de Lousame vai poñer en marcha a vindeira semana para sensibilizar á poboación xeral sobre esta lacra que neste ano 2022 xa suma 38 mulleres asasinadas, que deixan 26 orfos e orfas, e 2 menores asasinados. “Durante esta quincena previa ao 25N, as veciñas e veciños terán a súa disposición os materiais da campaña na fachada da Casa do Concello, cos que se poderán fotografar en mostra do seu rexeitamento ante a violencia sobre as mulleres e subir logo esa foto ás redes sociais do Concello etiquetándoa, ou enviándoa por Whatsapp”, adiantou Silvia Agrafojo, quen adiantou que “ao finalizar a campaña, entre tódalas persoas que participen achegando as súas fotos, realizarase un sorteo de vales de material deportivo”.

Finalmente, os sábados 10 e 17 de decembro a Concellería de Igualdade organizará unha nova edición do curso de defensa persoal dirixido a mulleres, impartido por membros da Federación galega de Loita. Unha actividade que se levará a cabo coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade.